A maior parte das estrelas con masas similares á do Sol rematan as súas vidas como ananas brancas, corpos pequenos, quentes e moi densos que se arrefrían moi devagar ao longo de miles de millóns de anos. No camiño cara á fase final das súas vidas as estrelas lanzan ao espazo as súas atmosferas e crean nebulosas planetarias, coloridas nubes brillantes de gas.
Nesta imaxe pódese ver unha nebulosa planetaria asombrosamente redonda, situada a uns 2.500 anos luz da Terra. Ser tan perfectamente redonda é pouco común nestes obxectos, xa que normalmente algo perturba a simetría, facendo que acabe adquirindo formas irregulares.
A fotografía capta como a refulxente estrela situada no bordo de PNA66 33 crea esta fermosa visión. Trátase tan só dun aliñamento casual. A estrela, chamada HD 83535, encóntrase en primeiro plano, fronte á nebulosa, a medio camiño entre a Terra e a PN A66 33, xusto no lugar adecuado para embelecer aínda máis a imaxe.
No interior da nebulosa, visible como unha diminuta perla branca e lixeiramente descentrada, vese o remanente da estrela proxenitora da nebulosa no proceso de transformarse nunha anana branca. Aínda brilla (é aínda máis luminosa que o Sol) e emite a suficiente cantidade de radiación ultravioleta como para facer que resplandeza a burbulla de atmosferas expulsadas ao espazo.
PN A66 33 é tan só un dos 86 obxectos incluídos no Catálogo de Nebulosas Planetarias creado por George Abell en 1966. Abell tamén rastrexou o ceo en busca de cúmulos de galaxias, recompilando o catálogo, cuns 4.000 cúmulos, tanto no hemisferio norte coma no hemisferio sur do ceo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario